Maratona do Porto
Primeiro foi cortar o pelo. Check. Despois foi finalizar unha maratona. Check. Só queda a última promesa.
Conseguir correr 42 quilometros era inimaxinable hai un ano. Pensándoo ben, hai un ano a máxima distancia eran 11 quilómetros e coa lingua fóra. Este 2013 fun quen de facer dúas medias e o pasado 3 de novembro a primeira maratona.
Para conseguilo seguín con máis ou menos regularidade un plan de 16 semanas comezando pola 5 semana (é dicir, salteime uns pasos e o acurtei en 11 semanas). Decidín seguilo porque son un inconsciente que se lesionou antes da VigBay e de novo despois da media de Vigo.
Non conseguín facer a maior parte das tiradas longas, estas de 3h correndo, e o máis difícil eran os días que me erguía as 5-6 da mañá, mentres as nenas durmían a perna solta, e saia cara o polígono da Granxa pensando "en que coño estás pensando para saír a correr a estas horas?". Acompañábanme os rapaces que saían polo Porriño, coas copas aínda nas mans, e ou ben mirando con cara de parvos ou vacilando aplaudíndome. Despois tamén encontraba aos cazadores que baixaban dos seus 4x4 co remolque e cans na parte de atrás, dirixíndose aos bares na busca do grupeto e das chiquitas previas.
Os días previos á maratona Arwen colleu unha infección, é dicir, febre, gorxa e antibióticos. Baixón. O día anterior foi o diluvio universal, tanto na Galiza como ao chegar a Porto. Baixón. E tivemos que quedar no hotel toda a tarde e só saír a cear a un centro comercial próximo, polo tempo e pola nena.
Encontramos a Ricardo cando chegamos ao hotel, e xa quedamos para o día seguinte. Arwen pasou mala noite: nós pasamos mala noite. No almorzo baixamos os catro, Leia estaba moi contenta e comecei a animarme. Chegou Ricardo, baixamos á saída (cruzámonos co rapaz do Porriño que me deu ánimos) e comezamos a trotar un pouco. Mexamos no parque e tiramos cara a saída, cuns poucos de nervos e contentes. O día estaba perfecto: sol, boa temperatura. Comín a barra de cereais e se deu a saída!
Lembro a primeira costa arriba, e como o globo dos 3.30, que pensabamos seguir, se ía da nosa vista. Comezou despois a baixada por Boavista, e nas rectas conseguimos xa meter un bo ritmo e ver ao lonxe o globo dos 3.30, que ían como foguetes. Os primeiros sete quilómetros foron ben, baixando, recortando distancia aos globos. Dende o quilómetro 10 ao 15, xa en chan, índo e volvendo a Matosinhos, iamos Ricardo e mais eu detrás dos globos sen problemas. Tiñamos moita xente con nós, e ás veces era incómodo correr por cruces e golpes. Collimos auga sen problemas no 10, pero no 15 desapareceu o posto, e foi un pequeno problema, porque tiña marcado o xel para os quilómetros 15, 25 e 35. Tomeino igual e seguimos correndo pola costa e as praias de Porto. Un sitio moi bonito.
Ben ata a media maratón. Os globos foron distanciándose dende o quilómetro 21, e quizáis non puidemos seguirlles o ritmo un pouco máis porque lembro a desesperanza de ir correndo pola beira norte do río, ver a corredores pola beira sur (a de Gaia) e buscar e buscar a ponte ao lonxe para cruzar o río e non encontrala. Entramos na baixa de Porto, xunto antes de cruzar a ponte, e Ricardo quedouse un pouco mentres os globos xa se ían definitivamente e eu recoñecía que era unha quimera conseguir ir ao seu ritmo. A partir do 23-24 fun xa toda a carreira só, cruzándome con Ricardo dúas veces, nas dúas voltas. Esas dúas ocasións non ía moi lonxe de min, pero despois tivo contracturas moi fortes.
A parte de Gaia foi un pouco machacona, porque sabías que tiñas que dar volta alí, porque tiñas que evitar a calzada empedrada e ir pola beirarúa sorteando transeúntes, e porque xa tiñas moitos quilómetros nas pernas. Pasámola xa baixando bastante o ritmo en dous quilómetros, porque xa paramos para coller plátano e vaso de bebida, e a subida da ponte de novo e a pequena volta adicional fixeron un pouco de pupa. Pasar o túnel e a lixeira baixada foron unha pequena tregua. Sen embargo ver a Manola e ás dúas peques dándome ánimos na Alfándega foi o que me deu máis forzas, e conseguín marcarme un 4.45 no quilómetro 34. Despois chegou o 36, cun pouco vento en contra, con parada para coller o vasiño de isotónica, e saiu un 5.30 chungo.
Lembro dos últimos 6-7 quilómetros algún corredores pasándome, pero sobre todo pasar a moita xente que non podía correr e ía camiñando, ou estirando, ou correndo moi machacada. Eu xa ía mal, e os músculos anteriores dos muslos comezaron a doerme moito e a pedir papas. Por iso tamén baixei un pouco o ritmo, por medo a romper algunha febra e ter que parar. Ese foi o sufrimento da proba, eses 4-5 quilómetros do 36 ao 40, onde me doían as pernas, o vento daba un pouco de cara, estaba canso e non conseguía ir moi rápido. Lembro beber toda a auga do quilómetro 40 e dicirme xa está, xa case cheguei, non contes máis os quilómetros que faltan, agora a dalo todo. E a subida do último quilómetro, aínda de non ser moi dura, foi espectacular dende o meu punto de vista, porque empecei a adiantar a corredores e corredores mentres a xente animaba ás beiras (5.11 no último e menos de 5 os últimos 500m).
Cheguei, que era o importante, á meta enteiro e sen lesionarme. Despois se cheguei antes doutro coñecidos, mellor. E se cheguei en 3.33, moito mellor. Quedoume a pena de non poder compartir a meta con Ricardo ou con xente da miña familia. Pero ver ás miñas nenas e a Manola animándome non ten prezo. Moitas gracias.
Comentários