VigBay
Finalmente acudín á VigBay. É realmente un evento, e formar parte del foi unha boa experiencia. Xa sei que pode parecer petulante, pero desfrutei do percorrido, do ambiente, das vistas da Ría de Vigo mentres corriamos por esa estrada de tantas lembranzas de verán.
O día, espectacular! Sol e unha temperatura agradable.
Os puntos negativos foron as pernas e a falta de preparación polos problemas nas pernas. Pernas non, perna dereita. Iso provocou que encarase a carreira con pouca esixencia xa dende o principio. E aínda así, voltou a contracturarse o xemelo dereito dende o quilómetro 11-12, xunto antes da baixada a praia América. As subidiñas de Monte Lourido foron penosas, vendo como a xente me adiantaba.
Dende Sabarís, con só 2km para finalizar, dinlle todo o pouco que podía (xa de mortos ao río) e acabei nun tempo de 1h48, moi por riba do que debería ser a miña primeira media.
Sorprendente a cantidade de xente rota (supoño que muscularmente) que vimos dende a recta de praia América ata a fin, sobre todo dende a Ramallosa.
Finalizamos a xornada comendo un bo chuletón de boi en Sabarís, nun muíño ateigado de familias de corredores.

Comentários