Recomendacións e calificacións de series de TV

Dende hai poucos días veño a publicar no Twitter opinións sobre series de televisión que consumín ou estou a consumir. Non sei se esta periódica autoimposición se manterá moito no tempo, non son moi constante, pero se é así, ireina completando con entradas neste blog (moi abandonado).

Dende os tempos dos Soprano e The Wire, teño a impresión dun gran salto de calidade das series de televisión, sobre todo nas produccións americanas e ultimamente británicas. O consumo de cine foi perdendo peso no meu salón, para ir pasando a consumir cáseque exclusivamente series de televisión. A escolla non é só cousa miña: a parenta tamén ten o seu peso.

As recomendacións son dende un punto de vista dun consumidor normal, sen un estudio profundo das series. Son só iso, unha opinión totalmente subxectiva.

Comecemos as recomendacións coas catro primeiras: Wallander, Strike Back, The Prisioner e The Killing.

Wallander
Dúas tempadas, non sei se a BBC ten programadas máis. Kenneth Branagh clava o papel, o que debe ser a melancolía sueca queda perfectamente reflexada. Por culpa desta serie namoreime do Volvo SW: que maneira de percorrer estradas polvorentas no medio da nada. Ao meu parecer, excelente serie policíaca próxima ao sobresaínte. Ata o momento, dúas tempadas.

Strike back
Quizáis me pasei ao calificar a esta serie cun notable (creo que a súa nota foi un 7). Un 6 lle acae mellor, pero quizáis a súa estética e as lembranzas que me trae daqueles cómics que caían nas miñas mans de pequeno, cun James Bond tan diferente das películas, un home con máis escuros que claros... quizáis esas lembranzas me tiraron un pouco para arriba. Factura impecable, temática espía-militar co típico branco-negro americano (neste caso a serie é británica, da BBC). Mellor a primeira tempada que a segunda, ao meu parecer.

The Prisioner
Esta é unha mini-serie de seis capítulos. Onte entereime que é un remake dunha serie dos 60's ou dos 70's. A aposta é interesante, pero a execución foi para min unha constante dor de cabeza. Será que non aguanto a Jim Caviezel (é certo, non o trago, e menos na nova Person of interest), nin cando se fai acompañar de Ian McKellen? Pois será, pero a súa personaxe vai mudando a golpes, sen transicións claras, sen saber o motivo destes saltos...
Tamén é certo que a vin sen continuidade. Quizáis un visionado da serie máis continuo fose unha mellor opción. Non lle dou un suspenso, pero o aprobado chégalle.

The Killing
A nova serie da AMC é a que provoca que teña ganas de escribir máis profusamente, máis que os 160 caracteres de Twitter. Estou escandalizado, horrorizado, soliviantado coa promo de La Sexta e esta serie. Comparala con series como Twin Peaks (tamén lle debería facer unha entrada?) é de tolos: non teñen nada que ver. Destripar en gran parte o primeiro capítulo (gústavos o de ser spoilers) tamén me parece unha pasada. En fin.
Despois de HBO, as series de AMC son, para o meu gusto, do mellor. Comezando por Mad Men, pasando pola fallida Rubicon, veremos que pasa con The Walkind Dead.
The Killing é opresiva. O primeiro capítulo paréceme estupendo: sabes o que vai pasar, pero aínda así, o desacougo é constante. Quizáis sexa un sentimento paterno? Non sei, pero os últimos cinco minutos son espectaculares, coa chamada de fondo.
O resto dos capítulos son, ao meu entender, demasiados. En menos capítulos resólvese a trama igual, sen tantas voltas. Pero claro, temos que facer 13 capítulos, unha tempada nos USA. Estirar deste xeito nótase, polo que ao menu entender a serie vai de máis a menos. Sen embargo, é máis que recomendable. Os dous actores principais están á altura e despois de ver esta serie Seattle é un sitio pouco recomendable, ao que non che gustaría ir de turista.

Comentários

Mensagens populares