Invictus

Outra adaptación cinematográfica que puidemos ver recentemente é 'Invictus', do grandioso Clint Eastwood. Conta coa participación de Morgan Freeman e Matt Damon, dúas boas bazas.



Relata esta película (a modo de biopic) os primeiros anos de mandato de Mandela, e algúns dos atrancos que tivo, tanto cos seus seguidores como cos seus detractores. Matt Damon da vida a François Pienaar, o capitán da equipa de rugby de Sudáfrica.

Supoño que a xente implicada ou que seguiu aquel acontecemento verá con outros ollos esta película. E aínda que é correcta, de impecable factura e non deixa de gustar, ao meu modo de ver non emociona como debería. Pode ser unha impresión miña, por coñecer parte da historia (e a victoria final), pois a xente comenta o contrario.

Este proxecto non foi ideado por Clint Eastwood, foi Morgan Freeman quen tirou do carro tras declarar Nelson Mandela que el sería o único actor que quería que o encarnase. Hai que dicir que está perfecto. Escoitei tamén algunha declaración de sudafricanos que coñecen a François Pienaar que Matt Damon retrata á perfección o carácter do capitán da equipa de rugby.

Co que non concordo é con algunhas declaracións que afirman e defenden que os partidos do Mundial foron filmados de xeito excepcional. Non coñezo demasiados exemplos de películas que fosen quen de retratar como a min me gustaría o que sucede dentro dun campo, sexa de rugby ou de fútbol. Pero tamén teño que dicir en favor de Clint que a metraxe necesaria excedería un pouco do aconsellable, e eu son detractor da moda de películas de case 3 horas.

Comentários

Mensagens populares