Carne pouco feita

Veño de deleitarme (son poucas veces, e as que son intento aproveitalas) de comer no asador Soriano, que á par dos Abetos ten a maior sona na zona en materia de carnes.
O pulpo á brasa tan espectacular coma sempre, e tras ese primeiro non dubidei en pedir un plato de vacuno para desfrutar como bo carnívoro que son. Pero aínda me falta experiencia, e ante a pregunta de como querería o plato, espetei claramente "pouco feito".
Valente eu, sabedor das miñas preferencias ás carnes con sangue escorregando mentres lle meto coitelo e garfo con pundonor. Valente e ousado, porque a chuleta que me presentaron traia dúas codias tostadas polos lados, pero ante o primeiro corte quedaba ben claro que estas codias non superaban o milímetro de espesor, e tras este queimazón dun par de segundos sobre unha plancha incandescente se abría o mundo das carnes crúas, onde os caninos e os incisivos cumplen unha función fundamental, mentres os colmillos desgarran a carne como o carniceiro a entregou á xente de cociña.
Carne crúa, e digo ben, pois a sensación de correr pola estepa en busca de res de poucos meses para saciar o apetito debe ser semellante á que experimentei tralo manxar obrigado. Apuntado queda, e na próxima ocasión, se ha houber, será carne no seu punto, e non pouco feita.

Comentários

Mensagens populares